A Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior, impón aos Estados membros a obriga de eliminar todas as trabas xurídicas e barreiras administrativas inxustificadas á liberdade de establecemento e de prestación de servizos que se contemplan nos artigos 49 e 57 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea, respectivamente, establece un principio xeral segundo o cal o acceso a unha actividade de servizos e o seu exercicio non estarán suxeitos a un réxime de autorización. A transposición parcial ao ordenamento xurídico español realizado a través da Lei 17/2009, de 23 novembro, sobre libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, dispón que unicamente poderán manterse réximes de autorización previa cando así se estableza por Lei, cando non sexan discriminatorios, estean xustificados por unha razón imperiosa de interese xeral e sexan proporcionados. En particular, considerarase que non está xustificada unha autorización cando sexa suficiente unha comunicación ou unha declaración responsable do prestador, para facilitar, se cómpre, o control da actividade.
No ámbito local, a licenza de apertura de establecemento constituíu un instrumento de control municipal co fin de manter o equilibrio entre a liberdade de creación de empresa e a protección do interese xeral xustificado polos riscos inherentes das actividades de producir incomodidades, alterar as condicións normais de salubridade e medio ambientais, incidir nos usos urbanísticos, ou implicar riscos graves para a seguridade das persoas ou bens.
As modificacións normativas introducidas no noso ordenamento xurídico coa transposición ao dereito interno das disposicións da Directiva de Servizos e as últimas reformas da Lei de bases do réxime local, obrigan as concellos a adaptar a súa normativa a un novo réxime no que con carácter xeral o exercizo de actividades non se somete á obtención de licenza ou outro medio de control preventivo.
Dentro do amplo concepto de actividade de servizo acollida tanto na Directiva como na Lei 17/2009, resulta evidente que unha parte importante das mesmas veñen constituídas polas actividades comerciais reguladas pola Lei 13/2010, 17 de decembro, de comercio interior de Galicia, pola que se traspón ao dereito galego a Directiva, establecendo no seu artigo 28 o seguinte réxime, polo que ás licenzas de apertura se refire:
"1. Para a apertura dun establecemento comercial será requisito imprescindible a obtención da licenza municipal de apertura ou de actividade ou, no seu caso, comunicación previa ou declaración responsable. Ademais do anterior, nos supostos previstos nesta lei, requírese a autorización comercial da Comunidade Autónoma.
2. As licenzas de apertura dos establecementos serán concedidas polos concellos, de acordo coa normativa vixente en materia de urbanismo, seguridade, salubridade e protección do medio ambiente.
3. En todo caso, as actividades comerciais non suxeitas ao trámite de incidencia, efecto ou impacto ambiental, nin ao informe da consellería titular da competencia en sanidade, estarán exentas da obtención da licenza municipal de apertura ou de actividade, bastando para o inicio desta a presentación dunha comunicación previa ou dunha declaración responsable.
4. Suxéitanse unicamente ao deber de presentar unha comunicación previa, asinada pola persoa transmitente e a adquirente, os cambios de titularidade das licenzas de actividade ou de apertura de establecementos e actividades comerciais.
5. Os datos contidos nas licenzas de apertura de establecementos comerciais ou, no seu caso, as comunicacións previas ou declaracións responsables recibidas serán comunicadas polo respectivo concello á dirección xeral con competencia en materia de comercio para os efectos da súa inscrición no Rexistro galego de Comercio de conformidade co disposto no Art. 8 desta lei" Por outra banda, a lei galega de comercio interior só esixe a autorización comercial autonómica para a instalación, a ampliación e o traslado dos establecementos comerciais individuais ou colectivos que destinándose ao comercio polo miúdo de calquera clase de artigos teñan unha incidencia ambiental, territorial, urbanística e no sistema viario que transcenda o termo municipal no que se localicen, pola súa magnitude, importancia e características.
Para estes efectos entende que unicamente ten incidencia supramunicipal, e por tanto, están suxeitos á autorización comercial autonómica, a instalación e o traslado dos establecementos comerciais cunha superficie útil de exposición e venda igual ou superior a 2.500 metros cadrados polo impacto territorial, urbanístico, viario e medio ambiental xerado. Tamén será preceptiva a citada autorización no caso de ampliacións de establecementos comerciais cando a superficie que resulte tras a ampliación sexa igual ou superior a 2.500 metros cadrados.
En cambio, non precisarán tal autorización os establecementos comerciais individuais dedicados á exposición e á venda de automóbiles, de embarcacións e outros vehículos, maquinaria industrial ou agrícola, de materiais para a construción e artigos de saneamento, que requiran un gran espazo físico, e tampouco a requiren os mercados municipais e os denominados centros comerciais abertos.
Resulta tamén salientable que no ordenamento galego, as licenzas de actividade e de apertura teñen o mesmo obxecto, son conceptos sinónimos. Así, como acabamos de ver "..Para a apertura dun establecemento comercial será requisito imprescindible a obtención da licenza municipal de apertura ou de actividade..". Esta unificación xa se producira anteriormente por obra do Decreto 133/2008, do 12 de xuño, polo que se regula a avaliación da incidencia ambiental. Dicimos isto, xa que na cultura administrativa local segue pesando a diferenciación entre licenza de actividade ou instalación e licenza de apertura ou de funcionamento, diferenciación derivada do vello RAMINP e que hoxe debemos superar, de tal maneira que a licenza de instalación virá subsumida na urbanística de obras e na de primeira utilización e a de apertura limitará o seu obxecto a autorizar o funcionamento da actividade obxecto do proxecto autorizado coa licenza de obras.
Como consecuencia, este Concello, dentro das medidas de adaptación á nova normativa, mediante a presente Ordenanza, pretende dar cumprimento ao exixido na DA 8ª da Lei 2/2011, de 4 de marzo, de economía sostible, regulando o réxime de declaración responsable e comunicación previa da prestación de servizos, de tal forma que, sen perxuízo das autorizacións urbanísticas que poidan proceder con carácter previo segundo a lexislación vixente, poderán iniciarse sen previa licenza municipal desde o mesmo día da presentación da declaración responsable, sen necesidade de esperar á finalización do control municipal, o cal se mantén aínda que se articule a posteriori.
Deste xeito, a mencionada presentación, e a toma de coñecemento por parte da Administración non supón unha autorización administrativa para exercer unha actividade, senón un medio para que a Administración coñeza a existencia da devandita actividade e activar as comprobacións pertinentes.
Óptase con carácter xeral por establecer o réxime de declaración responsable e non facer uso da comunicación previa, agás na transmisión de actividades - tanto as sometidas a licenza previa como a declaración responsable - debido a que ambos os dous instrumentos son igualmente áxiles para o cidadán aínda que coa vantaxe de que a declaración responsable contén unha maior garantía de información dos requisitos e responsabilidades que implica a actuación.
Polo tanto, en virtude da autonomía local constitucionalmente recoñecida, que garante aos Municipios personalidade xurídica propia e plena autonomía no ámbito dos seus intereses, e que lexitima o exercicio de competencias de control das actividades que se desenvolvan no seu termo municipal, dítase a presente Ordenanza previa observancia da tramitación establecida para ese fin polo artigo 49 da Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local.
CAPÍTULO PRIMEIRO. DISPOSICIÓNS XERAIS
Artigo 1. Obxecto
1. A presente Ordenanza ten por obxecto regular os procedementos de intervención municipal a través dos medios establecidos no artigo 84 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, sobre os establecementos físicos, locais, ou lugares estables, situados no termo municipal de Guitiriz destinados ao exercizo de actividades económicas por conta propia, prestadas normalmente a cambio dunha remuneración económica, incluídas no artigo 2 da Lei 17/2009, de 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercizo, ou a súa modificación, así como a comprobación do cumprimento e mantemento dos requisitos establecidos para o exercicio das devanditas actividades.
2. A finalidade desta Ordenanza é garantir que os establecementos físicos adicados á prestación de servizos cumpren coas condicións de tranquilidade, seguridade, salubridade e as que, no seu caso, estean dispostas nos plans de urbanismo debidamente aprobados, tal e como dispón o artigo 22.2 do Decreto de 17 de xuño de 1955, polo que se aproba o Regulamento de Servizos das Corporacións Locais.
Artigo 2. Definicións
Aos efectos desta Ordenanza entenderase por:
1. Actividade Económica: Toda aquela actividade industrial ou mercantil á que se refire o art. 22.1 do Regulamento de Servizo das Corporacións Locais.
2. Servizo: Calquera actividade económica por conta propia, prestada normalmente a cambio dunha remuneración.
3. Declaración responsable: o documento subscrito por un interesado en que manifesta, baixo a súa responsabilidade, que cumpre cos requisitos establecidos na normativa vixente para acceder ao recoñecemento dun dereito ou facultade ou para o seu exercicio, que dispón da documentación que así o acredita e que se compromete a manter o seu cumprimento durante o período de tempo inherente ao devandito recoñecemento ou exercicio.
4. Establecemento: acceso a unha actividade económica non asalariada e o seu exercizo, así como a constitución e xestión de empresas e especialmente de sociedades, nas condicións fixadas na lexislación, por unha duración indeterminada, en particular por medio dunha infraestrutura estable.
5. Establecemento físico: calquera infraestrutura estable a partir da cal se leva a cabo efectivamente unha prestación de servizos.
Artigo 3. Ámbito de aplicación
1.- O réxime de declaración responsable e control posterior aplícase a:
a) Apertura de establecementos físicos para o exercizo das actividades económicas incluídas dentro do ámbito de aplicación da Lei 17/2009, de 23 novembro, sobre libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, non sometidas a avaliación de impacto, efectos e incidencia ambiental nos termos da lexislación reguladora dos mesmos, e a de ruídos e prevención da contaminación acústica, agás cando por unha norma con rango Lei se estableza outro réxime de autorización.
b) Actividades comerciais non suxeitas ao trámite de incidencia, efecto ou impacto ambiental, nin ao informe da consellería titular da competencia en sanidade.
c) Modificacións das actividades sometidas a declaración responsable.
2.- O réxime de comunicación previa aplícase a:
a) O cambio de titularidade das actividades reguladas no procedemento da presente ordenanza e ás que se refire o artigo 22.4 da Lei 13/2010, de comercio interior de Galicia.
3.- Quedan fora do ámbito desta ordenanza:
a) As actividades propias de establecementos e espectáculos públicos, incluídas no catálogo galego destas actividades
b) Cando por razóns imperiosas de interese xeral, de orde pública, seguridade pública, saúde pública, seguridade dos destinatarios de bens e servizos, dos traballadores, protección do medio ambiente e o medio urbano, sexa de aplicación o procedemento de concesión de licenza municipal de apertura de conformidade coa lei reguladora da actividade de que se trate.
c) Apertura de establecementos físicos para a prestación de servizos cando se encontren sometidas a instrumentos de prevención e control ambiental de competencia autonómica conforme á Lei 1/1995, de protección ambiental de Galicia.
d) Modificacións das actividades sometidas a licenza municipal.
4.- Sen prexuízo do réxime e procedementos previstos nos anteriores apartados, as actividades neles referidas deberán obter as demais autorizacións que fosen preceptivas de acordo coa normativa sectorial aplicable.
Artigo 4. Exclusións
Quedan excluídos do ámbito de aplicación desta Ordenanza os seguintes establecementos e actividades, que se axustarán ao que se estableza na normativa sectorial de aplicación
a) O exercicio de actividades profesionais non mercantís ou industriais relacionadas na sección segunda das tarifas do Imposto sobre Actividades Económicas, sempre que se trate de uso de oficina ou despacho profesional, sempre que non produzan no seu desenvolvemento residuos, verteduras ou radiacións tóxicas ou perigosas, nin contaminantes á atmosfera non asimilable aos producidos polo uso residencial, que poidan precisar licenza de actividade.
Non están amparadas expresamente desta exclusión aquelas actividades de índole sanitaria ou asistencial que inclúan algún tipo de intervención cirúrxica, dispoñan de aparellos de radiodiagnóstico ou en cuxo desenvolvemento se prevexa a presenza de animais.
A presente exclusión enténdese se prexuízo das licenzas urbanísticas de ocupación, utilización, uso ou o seu cambio, que sexan requeridas pola normativa urbanística.
b) Os establecementos situados en postos de mercado de abastos municipais.
c) Os quioscos para venda de prensa, revistas e publicacións, lambetadas, frores e outros de natureza análoga situada nos espazos de uso público do municipio.
d) A venda ambulante, situada na vía e espazos públicos.
e) O uso do dominio público que poida realizarse no exercicio dunha actividade económica.
Artigo 5. Normas comúns para o desenvolvemento das actividades
1. As persoas responsables das actividades e establecementos están obrigadas a desenvolvelas e mantelas nas debidas condicións de seguridade, salubridade, acústicas, accesibilidade e calidade ambiental, reducindo a posible afección dos espazos públicos e empregando as mellores técnicas dispoñibles, que se é o caso, resultaren necesarias para o cumprimento das condicións expresadas.
2. A declaración responsable quedará sen efecto no caso de que se suspenda a actividade ou cesamento o exercicio da mesma por un período superior a un ano. En tal caso, para poder reemprender o exercicio da actividade correspondente requirirase a presentación de declaración responsable.
Igualmente quedarán extinguidos os efectos da declaración responsable se a actividade a que a mesma se refire non comeza a exercitarse no prazo e seis meses contados dende a data da súa presentación.
Artigo 6. Consulta previa
1.-Sen prexuízo do sinalado no artigo 18 da Lei 17/2009, de 23 novembro, sobre libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, os interesados poderán presentar solicitudes de consulta previa sobre aspectos concernentes a un proxecto de apertura de establecemento ou inicio de actividade, que acompañarán dunha memoria descritiva ou dos datos suficientes que definan as características xerais da actividade proxectada e do inmoble en que se pretenda levar a cabo.
2.-A contestación á consulta realizarase de acordo cos termos da mesma e a documentación achegada, e farase indicación ao interesado de cantos aspectos concirnan á apertura do establecemento ou inicio da actividade, e en concreto:
a) Requisitos esixidos.
b) Documentación a achegar.
c) Administración que sexa competente en cada caso, en atención ao tipo de actividade de que se trate
d) Outros aspectos que sexan de interese para a apertura do establecemento ou o inicio da actividade.
3.- O sentido da resposta ás consultas formuladas non terá carácter vinculante para a Administración.
4.- Se se presentase a declaración responsable nun momento posterior, farase referencia clara ao contido da consulta previa e a súa contestación.
Artigo 7. Documentación exixible
1. Na tramitación necesaria para o acceso e exercicio dunha actividade reguladas por esta ordenanza, só poderán esixirse os documentos ou datos que sexan estritamente necesarios para conformar a vontade da Administración e resolver en cada procedemento concreto, e que a Administración non poida obter polos seus propios medios.
2. Non se poderá exixir a presentación de documentos ou a achega de datos que xa estean en poder das Administracións Públicas.
3. O Concello promoverá, na medida da súa posibilidades, a dispoñibilidade dun sistema electrónico de intercambio de información co resto de Administracións públicas españolas e, no seu caso, coas institucións públicas europeas, que garanta a interoperabilidade da información contemplada nesta Ordenanza e na normativa vixente.
4. Non obstante o disposto nos apartados 2 e 3, aos efectos de acreditar o cumprimento dos requisitos esixidos para o acceso e exercicio dunha actividade, aceptaranse os documentos procedentes de calquera Administración pública española ou de calquera institución pública doutro Estado membro da Unión Europea, dos que se desprenda que se cumpren tales requisitos.
5. No caso de documentos emitidos por unha autoridade competente, non se esixirá a presentación de documentos orixinais ou copias compulsadas nin traducións xuradas, salvo nos casos previstos pola normativa vixente, ou xustificados por motivos de orde pública e de seguridade pública.
6. Aos efectos establecidos nos apartados anteriores, o solicitante deberá declarar en que Administración ou institución pública consta o dato ou a documentación orixinal. No caso de que tal Administración sexa distinta deste Concello, de acordo co establecido no artigo 11 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal, deberá autorizar expresa e inequivocamente a este Concello para a petición e obtención da devandita información, debendo constar devandito consentimento na solicitude de iniciación do procedemento ou en calquera outra comunicación posterior, salvo que sexa de aplicación o réxime de excepcións do consentimento previsto no apartado 2 do devandito artigo.
Cando se trate dun dato ou documentación que obre en poder deste Concello deberá informarse ao cidadán de que se vai a consultar o devandito dato ou documento.
Artigo 8. Documentación relativa á identidade e ao domicilio
1. Nos procedementos cuxa tramitación e resolución corresponda ao Concello, non se esixirá, a efectos da comprobación dos datos de identidade persoal, a achega de fotocopias do documento nacional de identidade nin do documento acreditativo da identidade ou tarxeta de residencia dos estranxeiros residentes en territorio español expedidos por autoridades españolas. A comprobación ou constancia dos datos de identidade realizarase de oficio polo órgano instrutor, de acordo cos datos de identificación que obren en poder da Administración municipal, ou acudindo aos mecanismos de interoperabilidade.
2. Non se esixirá a achega do certificado ou do volante de empadroamento como documento acreditativo do domicilio e residencia, a quen estea empadroado neste Municipio e teña a condición de interesado nos procedementos cuxa tramitación e resolución corresponda a este Concello.
3. Nos procedementos municipais para cuxa tramitación sexa imprescindible acreditar de modo fehaciente os datos do domicilio e residencia do interesado neste municipio, o órgano instrutor comprobará tales datos. En todo caso, será preciso informar ao interesado de que os datos van ser consultados polo órgano instrutor.
4. Nos procedementos municipais para cuxa tramitación sexa imprescindible acreditar de modo fehaciente os datos do domicilio e residencia do interesado noutros municipios, o órgano instrutor comprobará tales datos, previo consentimento do interesado, salvo que sexa de aplicación o réxime de excepcións do consentimento previsto no apartado 2 do artigo 11 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal.
5. Se o interesado non prestase o consentimento mencionado no apartado 4, deberá achegar o certificado ou volante de empadroamento, sendo a súa non achega causa para requirirlle a subsanación de conformidade co disposto no artigo 71.1 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común.
Artigo 9. Documentación necesaria para as distintas actuacións
1. Adoptaranse modelos normalizados para facilitar aos interesados a achega dos datos e a documentación requirida. Os devanditos modelos deberán estar a disposición dos cidadáns por medios electrónicos no portelo único previsto no art. 18 da Lei 17/2009, de 23 novembro, sobre libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, e na oficina municipal de información ao cidadán ou na Sede Electrónica do Concello.
2. Nas actuacións sometidas a declaración responsable achegarase a seguinte documentación:
a) Modelo normalizado de declaración responsable debidamente cuberto, en relación co cumprimento previo ao inicio efectivo da actividade e mantemento dos requisitos que fosen de aplicación ao exercicio da mesma. Así mesmo, incluirá unha autorización para a comprobación telemática con outras Administracións públicas dos datos declarados.
b) Acreditación da representación nos casos en que proceda.
c) Indicación que permita a identificación, ou copia da licenza urbanística de obras, primeira utilización ou modificación de uso, segundo corresponda, que faculte para o pretendido destino urbanístico do establecemento fisico, sempre que manteña as mesmas características.
3. O declarante, na data de presentar a declaración responsable, queda comprometido diante do concello e baixo a súa responsabilidade, a dispoñer da seguinte documentación:
a. Licenza urbanística de obras, no suposto de que a apertura da actividade esixa a realización das mesmas.
b.Licenza urbanística de primeira utilización ou cambio de uso, no suposto de que a actividade non conte con outra licenza municipal que ampare o uso a desenvolver.
c. Título ou autorización de ocupación do local ou espazo destinado ao desenvolvemento da actividade. d. Proxecto Técnico, asinado por técnico competente, se a actividade de que se trata o require segundo a lexislación sectorial reguladora da mesma e, en todo caso, cando deban de realizarse obras que poidan cualificarse como maiores ao tratarse das previdas polo artigo 2.2 da Lei de Ordenación da edificación. O proxecto ou nos seus anexos deberán incluírse os certificados acreditativos requiridos pola normativa sectorial de aplicación e no mesmo deberá xustificarse que o establecemento físico cumpre as condicións técnicas esixidas en materia de accesibilidade, seguridade e protección do medio, debendo estar visado de requerilo a lexislación vixente.
e. No suposto de que non sexa esixible Proxecto técnico, deberá contarse cunha Memoria Técnica descritiva e gráfica da actividade e do establecemento físico onde pretenda ubicar fisicamente a mesma e as súas instalacións, asinada por técnico competente, que inclúa os certificados acreditativos requiridos pola normativa sectorial de aplicación e na que se xustifique que o establecemento físico cumpre as condicións técnicas esixidas en materia de accesibilidade, seguridade e protección do medio.
f. Documentación complementaria esixida na normativa sectorial que regule a actividade de que se trate.
4.- En caso de cambios de titularidade, á comunicación previa unirase copia do documento acreditativo da transmisión, e indicación que permita a identificación ou copia da licenza de apertura ou, se é o caso, da toma de coñecemento da declaración responsable.
CAPÍTULO
SEGUNDO. RÉXIME DE DECLARACIÓN RESPONSABLE
Artigo 10. Toma de coñecemento
1. A declaración responsable debe formalizarse unha vez acabadas as obras e instalacións conforme a licenza urbanística concedida e obtidos as demais autorizacións sectoriais necesarias para levar a cabo a actividade ou, no caso de que a prestación de servizos requira unha licenza urbanística de primeira utilización ou cambio de uso, unha vez obtida aquela.
2. A presentación da correspondente declaración responsable faculta o interesado ao inicio da actividade proxectada desde o mesmo día da presentación ou desde a data manifestada de inicio, para cuxa validez non se poderá postergar máis alá de seis meses.
3. A copia da documentación presentada e debidamente selada ou o recibo emitido polo rexistro electrónico terá a consideración de toma de coñecemento pola Administración. Este documento deberá estar de forma permanente no establecemento obxecto da actividade.
4. A toma de coñecemento non é unha autorización administrativa para exercer unha actividade senón un medio para que a Administración coñeza a existencia da devandita actividade e posibilitar un control posterior, distinto da facultade de inspección ordinaria, mediante as oportunas actuacións administrativas que permiten esixir unha taxa pola actividade administrativa conforme se estableza na correspondente ordenanza fiscal
Artigo 11. Comprobación
1. Se a declaración responsable non reúne os requisitos esixidos, requirirase ao interesado para que, nun prazo de dez días, subsane a falta ou acompañe os documentos preceptivos, con indicación da inmediata suspensión da actividade en caso de requisitos de carácter esencial. Así mesmo, indicarase que se non emendase a declaración responsable no prazo establecido se lle terá por non presentada, comportando a imposibilidade de continuar co exercicio do dereito ou actividade afectada, e a obriga do interesado de restituír a situación xurídica ao momento previo ao inicio da actividade correspondente, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou administrativas a que houbese lugar.
2. Poderá requirirse ao interesado a achega ou exhibición da documentación que declare posuír así como a demais que sexa pertinente para a comprobación da actividade e, nomeadamente, a sinalada no artigo 9 desta ordenanza.
3. O control realizado posteriormente á presentación da declaración responsable formalizarase nun informe técnico que verifique a efectiva adecuación da actividade á normativa aplicable, sen prexuízo do procedemento de protección da legalidade que se é o caso puidese iniciarse.
4. No caso de que se realicen visitas de comprobación da actividade levantarse a correspondente acta de comprobación.
CAPÍTULO
TERCEIRO. ACTIVIDADE DE CONTROL E INSPECCIÓN
Artigo 12.- Actividades de control e inspección
1.- A Administración municipal está obrigada a exercer de forma permanente e continuada as funcións de comprobación, vixilancia, control e inspección sobre as actividades que se realicen no término municipal. Esta obrigación conlevará a realización de determinadas actividades administrativas que suporán no seu caso a exacción das pertinentes taxas.
2.- As actuacións de comprobación e inspección, así como as de vixilancia e control, axustaranse ás normas sectoriais que correspondan. En ausencia das mesmas serán de aplicación os preceptos contidos no presente Capítulo.
3.- Os servizos municipais poderán realizar en calquera momento actividades de comprobación, vixilancia, control e inspección, podendo esixir así mesmo ao titular da mesma a presentación da documentación acreditativa do cumprimento de calquera esixencia ou requisito esixido para a realización da actividade de acordo coa lexislación vixente.
4.- No suposto de apreciación de indicios da comisión dunha infracción, levantarase acta polo funcionario e formularase, no seu caso, proposta de adopción de cantas medidas resulten pertinentes.
5.- Naquelas actividades de carácter técnico que requiran o exercicio de funcións de comprobación, vixilancia, control e inspección, e que sexan derivadas de competencias estatais ou autonómicas, a Administración municipal poderá solicitar o auxilio institucional das Administracións públicas competentes para levar a cabo tales funcións.
Artigo 13.- actas de comprobación, inspección ou control
1.- As actuacións das actividades de comprobación, inspección e control finalizarán mediante o levantamento da acta pertinente, así como da adopción dalgunha das seguintes propostas no informe correspondente:
a) Favorable: no caso que a actividade comprobada, inspeccionada ou controlada, se exerza de acordo coa normativa en vigor.
b) Condicionado: no caso que se aprecie que a actividade comprobada, inspeccionada ou controlada, necesita adoptar determinadas medidas correctoras.
c) Desfavorable: no caso que a actividade comprobada, inspeccionada ou controlada, mostre irregularidades substanciais e se aprecie a necesidade de suspensión da citada actividade até o momento no cal se adopten as medidas correctoras pertinentes, no suposto que fose posible adoptalas. En caso contrario proporase o cesamento definitivo da actividade.
2.- No suposto de informe condicionado ou desfavorable este será motivado e os servizos competentes determinarán o prazo para a adopción das medidas correctoras propostas.
3.- Transcorrido o prazo anterior, salvo supostos excepcionais de prórroga que non excedan da metade do prazo inicial, sempre que as circunstancias o aconsellen e non se prexudique o dereito de terceiros, ditarase polo órgano competente resolución acordando a suspensión da actividade ata que tales medidas correctoras sexan adoptadas, sen prexuízo do procedemento sancionador que no seu caso se puido incoar.
Artigo 14.- Suspensión da actividade
1.- As actividades previstas na presente Ordenanza poderán ser obxecto de suspensión nos supostos que non sexan exercidas de acordo cos requisitos establecidos na normativa aplicable en cada caso.
2.- As denuncias que se formulen poderán dar lugar á apertura das dilixencias correspondentes a fin de comprobar a veracidade dos feitos denunciados.
3.- As actividades que se exerzan sen a presentación da correspondente declaración responsable ou comunicación previa, así como as que contraveñan as medidas correctoras que se determinaron, serán suspendidas pola Administración desde o mesmo momento en que se teña coñecementos de tales irregularidades.
4.- Así mesmo, a comprobación por parte da Administración Pública da inexactitude ou falsidade en calquera dato, manifestación ou documento, de carácter esencial, que se achegue, así como do incumprimento dos requisitos establecidos na lexislación vixente, determinarán a imposibilidade de continuar co exercicio da actividade desde o mesmo momento en que se teña constancia expresa dos feitos e sen prexuízo do procedemento sancionador que se poida incoar como consecuencia de tales feitos.
CAPÍTULO
CUARTO. RÉXIME SANCIONADOR
Artigo 15. Infraccións e sancións
1. En defecto de normativa sectorial específica, teñen a consideración de infraccións administrativas as accións e omisións que vulneren as normas contidas na presente Ordenanza, así como a desobediencia dos mandatos e requirimentos da Administración municipal ou dos seus axentes ditados en aplicación da mesma.
2. As infraccións clasifícanse en moi graves, graves e leves, de conformidade coa tipificación establecida nos artigos seguintes.
Artigo 16. Tipificación de infraccións
1. Considéranse infraccións moi graves:
a) O exercicio da actividade sen a presentación da correspondente declaración responsable.
b) O incumprimento da orde de cesamento ou suspensión da actividade previamente decretadas pola autoridade competente.
c) O incumprimento das sancións accesorias previstas no artigo 18
d) A reiteración ou reincidencia na comisión de faltas graves.
e) Aquelas condutas infractoras que determinen especiais situacións de perigo ou grave risco para os bens ou para a seguridade e integridade física das persoas, ou supoñan unha perturbación relevante da convivencia que afecte de forma grave, inmediata e directa á tranquilidade ou ao exercicio de dereitos lexítimos doutras persoas ou ao normal desenvolvemento das actividades.
2. Considéranse infraccións graves:
a) A falsidade en calquera dato, manifestación ou documento, de carácter esencial, que se achegar.
b) O mal estado dos locais e dependencias nas que se realice a actividade, en materia de seguridade, cando diminúa o grao de seguridade esixible.
c) A dedicación dos establecementos a actividades distintas das declaradas
d) O exercicio das actividades excedendo das limitacións fixadas na licenza de primeira utilización ou uso
e) A modificación substancial dos establecementos e as súas instalacións sen a correspondente autorización ou toma de coñecemento.
f) O incumprimento das medidas correctoras establecidas, se é o caso.
g) O incumprimento do requirimento efectuado para a execución das medidas correctoras que se fixen.
h) O incumprimento das condicións de seguridade que serviron de base para a apertura do establecemento ou o inicio da actividade.
i) A presentación da documentación técnica final ou a sinatura do certificado final de instalación sen axustarse á realidade existente á data da emisión do documento ou certificado.
j) A reiteración ou reincidencia na comisión de infraccións leves.
3. Considéranse infraccións leves:
a) As accións ou omisións tipificadas como infraccións graves cando por seu escasa significación, transcendencia ou prexuízo ocasionado a terceiros non deban ser cualificadas como tales.
b) O funcionamento da actividade con portas, ventás ou outros ocos abertos ao exterior, cando a actividade cause prexuízos ou molestias ao medio.
c) Non encontrarse no establecemento o documento acreditativo da toma de coñecemento.
d) A modificación non substancial das condicións técnicas dos establecementos sen a correspondente toma de coñecemento cando esta sexa preceptiva.
e) A modificación non substancial dos establecementos e as súas instalacións sen a correspondente toma de coñecemento.
f) Calquera incumprimento do que se establece na presente Ordenanza e nas leis e disposicións regulamentarias a que se remita, sempre que non estea tipificado como infracción moi grave ou grave.
Artigo 17. Sancións
A comisión das infraccións tipificadas na presente Ordenanza levará aparellada, en defecto de normativa sectorial específica, a imposición das seguintes sancións:
a) Infraccións moi graves: multa de mil cincocentos un eurosa tres mil euros.
b) Infraccións graves: multa de setecentos cincuenta e un euros a mil cincocentos euros.
c) Infraccións leves: multa de cen euros a setecentos cincuenta euros.
Artigo 18. Sancións accesorias
Sen prexuízo das sancións pecuniarias previstas, as infraccións tipificadas na presente Ordenanza levarán aparellada as seguintes sancións accesorias, cando se deriven efectos prexudiciais para a saúde, seguridade, medio ambiente, ou intereses públicos ou de terceiros:
a) Suspensión temporal das actividades e clausura temporal dos establecementos dun a tres meses para as infraccións graves e de tres a seis meses para as infraccións moi graves.
b) Inhabilitación do promotor para a realización da mesma ou análoga actividade en que se cometeu a infracción durante o prazo dun a tres meses para as infraccións graves e de tres a seis meses para as infraccións moi graves.
Artigo 19. Responsables das infraccións
1. Son responsables das infraccións, atendendo ás circunstancias concorrentes, quen realicen as condutas infractoras, e en particular:
a) Os titulares das actividades.
b) Os encargados da explotación técnica e económica da actividade
c) Os técnicos que subscriban a documentación técnica.
2. Cando o cumprimento das obrigas establecidas na presente Ordenanza corresponda a varias persoas conxuntamente, responderán solidariamente das infraccións que se cometan e das sancións que se impoñan. No caso de extinción de persoas xurídicas, esixirase se é o caso a responsabilidade aos administradores das mesmas, na forma prevista nas normas por que se rexan aquelas.
Artigo 20. Graduación das sancións
1. As multas correspondentes a cada clase de infracción graduaranse tendo en conta a valoración dos seguintes criterios:
a) O risco de dano á saúde ou seguridade esixible.
b) O beneficio derivado da actividade infractora.
c) A existencia de intencionalidade do causante da infracción.
d) A reiteración e a reincidencia na comisión das infraccións sempre que, previamente, non sexan tidas en conta para determinar a infracción sancionable.
2. Terá a consideración de circunstancia atenuante da responsabilidade a adopción espontánea por parte do autor da infracción de medidas correctoras con anterioridade á incoación do expediente sancionador.
Artigo 21. Medidas provisionais
Nos termos e cos efectos previstos no artigo 72 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común, poderán adoptarse medidas de carácter provisional cando sexan necesarias para asegurar a eficacia da resolución que puidese recaer, as esixencias dos intereses xerais, a bo fin do procedemento ou evitar o mantemento dos efectos da infracción.
Artigo 22. Reincidencia e reiteración
1. Aos efectos da presente Ordenanza, entenderase que existe reincidencia nos casos de comisión dunha segunda infracción da mesma natureza no prazo dun ano desde que adquira firmeza a resolución administrativa.
2. Aos efectos da presente Ordenanza, considerarase que existe reiteración nos casos de comisión dunha segunda infracción de distinta natureza no prazo de dous anos desde que adquira firmeza a resolución administrativa.
Disposición adicional única. Modelos de documentos
1. Establécense os correspondentes modelos normalizados de declaración responsable e comunicación previa nos anexos I e II.
2. Facúltase á alcaldía para a aprobación e modificación de cantos modelos normalizados de documentos requira o desenvolvemento desta Ordenanza.
Disposición transitoria primeira. Procedementos en tramitación
En relación cos procedementos de autorización iniciada con anterioridade á entrada en vigor desta Ordenanza, os interesados poderán continuar a tramitación dos mesmos polos procedementos ou réximes regulados no presente, mediante comunicación a este Concello.
Disposición transitoria segunda. Mantemento temporal da licenza de apertura
1. O réxime de sometemento a licenza municipal de apertura ou actividade manterase para as actividades sometidas aos procedementos de declaración de impacto, efectos e incidencia ambiental previstos na Lei 1/1995, de protección ambiental de Galicia, ata que se modifiquen as referencias á devandita licenza na normativa medioambiental.
2. O réxime de sometemento a licenza municipal de apertura manterase para as actividades dentro do ámbito de aplicación da normativa de espectáculos públicos e actividades recreativas ata que se modifiquen as referencias á devandita licenza ou establézase de maneira expresa a sometemento a declaración responsable.
Disposición derrogatoria
Quedan derrogadas cantas disposicións municipais de igual ou inferior rango opóñanse ao que se establece nesta Ordenanza.
Disposición final. Entrada en vigor
A presente Ordenanza entrará en vigor ao días seguinte ao da súa completa publicación no Boletín Oficial da Provincia.
Este documente contiene tablas
R. 0424
