Bases reguladoras do programa municipal de subvencións para favorecer a integración social das persoas e familias

Ficha de esta disposición

Título:
Bases reguladoras do programa municipal de subvencións para favorecer a integración social das persoas e familias
Nº de Disposición:
Boletín Oficial:
BOP-CORUNA 29
Fecha Publicación:
10/02/2012
Órgano Emisor:
NEDA
Convocatoria de subvencións para integración social 2012

Aprobadas polo Pleno municipal, en sesión celebrada o día 3 de novembro de 2011, fanse públicas as:

BASES REGULADORAS DO PROGRAMA MUNICIPAL DE SUBVENCIÓNS PARA FAVORECER A PREVENCIÓN E A INTEGRACIÓN SOCIAL DAS PERSOAS E FAMILIAS

I) OBXECTO DA CONVOCATORIA:

O Obxecto das presentes bases é regular o programa de subvencións económicas, por parte do Concello, destinadas ás persoas e/ou familias do termo municipal de Neda que se atopen en situación de necesidade económica e/ou social tendo por finalidade última a mellora da calidade de vida.

II) DEFINICIÓN DO PROGRAMA:

1.- Son axudas económicas de pagamento único. Teñen carácter finalista e son incompatibles con calquera outra prestación pública que lle puidese corresponder ao beneficiario/a para a mesma finalidade.

A estes efectos, e de conformidade co disposto no artigo 14.1.d) da Lei Xeral de Subvencións, unha das obrigas do beneficiario/a é comunicar ao Concello a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas.

Esta comunicación deberase efectuar tan pronto como se coñeza, e en todo caso, con anterioridade a xustificación da aplicación dada os fondos percibidos.

Non obstante poden ser complementarias, nos casos nos que se considere oportuno, en virtude da gravidade da situación socioeconómica e familiar reflectida no informe social.

A convocatoria abrangue varias modalidades de subvencións económicas diferenciadas segundo a finalidade das mesmas, a saber:

A) Subvencións económicas destinadas á prevención, inserción e apoio ás familias.

B) Subvencións económicas destinadas ao pago de Taxas Municipais (auga, saneamento e lixo).

Nunha mesma solicitude, poderase presentar as dúas tipoloxías distintas de subvencións económicas A)eB).

III) PUBLICIDADE DA CONVOCATORIA E PRAZO DE SOLICITUDES:

As bases reguladoras da presente convocatoria se publicarán no Boletín Oficial da Provincia.

Ademais se dará publicidade da apertura do período de presentación de solicitude de subvención mediante anuncios no taboleiro de edictos do Concello e na paxina web do Concello.

IV) PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES.

A convocatoria abrirase o día seguinte da publicación das presentes bases no Boletín Oficial da Provincia e cerrarase o último día hábil do mes de novembro do exercico de referencia.

V) CONDICIONS XERAIS DE ACCESO AO PROGRAMA:

-Ser maior de idade ou menor legalmente emancipado.

-Estar empadroado/a no Concello de Neda e con residencia efectiva no mesmo cunha antigüidade mínima de 3 meses inmediatamente consecutivos á data da solicitude. Se valorarán casos de especial gravidade que non cumpran este requisito.

-Non ter sido beneficiario/a de axudas ao abeiro desta mesma convocatoria no decurso do mesmo exercicio económico ou doutras convocatorias de organismos supramunicipais para o mesmo concepto, agás circunstancias de especial gravidade que se valorarán e recollidos no apartado II 2. a) das presentes bases.

-Non ser, o/a solicitante ou calquera membro da unidade familiar, propietarios/as e/ou usufructuarios/as de bens inmobles que, polas súas características, valoración, posibilidade de venda ou calquera forma de explotación, indiquen de xeito notorio a existencia de medios materiais suficientes para atender ao gasto obxecto da solicitude, agás a propiedade referente á vivenda destinada ao uso propio sempre que a súa valoración catastral non supere 10 mensualidades do Salario Mínimo Interprofesional Vixente para cada ano.

-Non figurar, o/a solicitante nin outro membro da unidade familiar, como titular de industria, comercio ou calquera outro negocio con persoal asalariado.

-Non estar incurso/a nas prohibicións para obter a condición de beneficiario/a sinaladas no art. 13 e 3 da Lei xeral de subvencións (BOE. nº 276 de 18/11/2003).

-Cumprir cos requisitos económicos que se estipulan en cada unha das modalidades de subvencións recollidas nesta bases.

-Cumprir as condicións especificas de acceso de cada unha das modalidades de subvención recollidas nesta bases.

O Órgano Colexiado poderá valorar con carácter excepcional a aquelas solicitudes que, non cumprindo algún dos requisitos ou condicións esixidas nas bases, presenten, ao seu xuízo, circunstancias persoais, familiares ou socioeconómicas de especial gravidade que lle fagan precisar o beneficio regulado nas presentes bases, previo informe favorábel do departamento de servizos sociais.

VI) LUGAR DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES:

As solicitudes deberanse presentar no Rexistro Xeral de entrada do Concello de Neda, ou ben por calquera forma das recollidas no artigo 38 da Lei 30/92 de 26 de novembro de Réxime xurídico das Administracións Publicas e Procedemento Administrativo Común.

VII) DOCUMENTACIÓN A APORTAR:

A solicitude deberá cursarse debidamente cumprimentada e asinada polo/a solicitante no impreso oficial (que figura no anexo I das presentes bases) e adxuntar con ela a documentación debida. As fotocopias deberán presentarse compulsadas e a compulsa poderase realizar no rexistro xeral do Concello de Neda.

Documentación que deberá acompañar a solicitude:

-Fotocopia do DNI.

-Fotocopia do libro familia e/o título de familia numerosa, no seu caso.

-Fotocopia da sentencia de separación ou divorcio ou convenio regulador, no seu caso.

-Fotocopia da última Declaración da Renda ou, no caso de non ter obriga de presentala, certificado negativo da Administración de Facenda cos datos fiscais de todos/as os/as convivintes maiores de 18 anos.

-Fotocopia dos 6 últimos recibos de alugamento ou amortización da vivenda, no seu caso.

-Fotocopia do recibo de contribución para vivendas en propiedade.

-Xustificantes económicos de todos/as os/as membros/as da unidade de convivencia maiores de 18 anos e referidos ao período computable: nóminas, contratos de traballo, recibos de pensións, certificados de vida laboral, certificados do Inem, etc.

-Declaración xurada de ingresos irregulares no modelo que se achega xunto ó modelo de solicitude.

-Certificado/s das contas bancarias que se posúan por tódolos membros da unidade familiar e referidos ó saldo existente a 31 de decembro de 2012 ou exercicio anterior á convocatoria das presentes subvencións.

-Certificado do servizo ou recurso para o que se solicite a subvención.

-Orzamentos do gasto que se solicita.

-Declaración responsable de non estar incurso/a nas prohibicións para obter a condición de beneficiario/a sinaladas no art. 13 da lei xeral de subvencións (BOE. nº 276 de 18/11/2003), (modeloanexo).

-Declaración xurada de non ter solicitado nin percibido ningunha axuda que cubra os mesmos conceptos para os que se solicita a subvención.

Aquela/s solicitude/s na/s que se observen a falla de documentación necesaria para a súa valoración, será requirida por escrito ao interesado/a para que, no prazo máximo de 10 días dende a recepción da comunicación, presente a documentación solicitada indicándoselle que, de non presentala, se lle terá por desistida a súa solicitude, previa resolución que debera ser dictada nos termos previstos no art. 71 da Lei 30/92 de 26 de novembro.

Documentación solicitada de oficio polo Departamento de Servozos Sociais ao Concello:

-Certificado Municipal de Rústica, Urbana, e I.V.T.M. de todos os membros da unidade familia maiores de 18 anos.

-Certificado de existencia ou non de débedas co Concello de todos/as os/as membros da unidade familia maiores de 18 anos.

-Volante de empadroamento e convivencia con indicación do tempo de residencia no Concello de Neda.

-No caso de contradicción nos datos sobre propiedades, situación económica e nivel de vida, solicitarase informe de signos externos de riqueza.

VIII) ORZAMENTO DESTINADO AO PROGRAMA:

A consignación orzamentaria para este programa será a contida na aplicación orzamantaria 231.48000.

IX) PROCEDEMIENTO DE VALORACIÓN, RESOLUCIÓN E RECLAMACIÓN DE SOLICITUDES:

A) Valoración das solicitudes:

A instructora do programa que regula as presentes bases é a traballadora social do departamento de Servizos Sociais Municipais.

A demanda formularase en entrevista coa traballadora social. Dentro desta fase de instrucción realizarase unha prefase de evaluación na que se verificará o cumprimento das condicións establecidas nas presentes bases para obter a condición de beneficiario/a. Desta pre-evaluación, a instructora elaborará un informe preceptivo no que se fará constar que, segundo información que obra no seu poder, as/os solicitantes cumpren ou non cumpren os requisitos para ser beneficiarios/as da subvención.

Unha vez evaluadas as solicitudes por parte da Comisión de Valoración, esta deberá emitir un informe no que se concrete o resultado da evaliación efectuada

A instructora, á vista do expediente e do informe da Comisión de Valoración, formulará proposta de Resolución.

A proposta de resolución remitirase por parte do órgano instructor para que resolva a concesión da subvención o Alcalde ou, no seu caso, a Xunta de Goberno Local na súa calidade de órgano competente para que resolva a concesión da subvención

B) Resolución das solicitudes

A aprobación da proposta de resolución por parte do Alcalde/Xunta de Goberno Local, en canto resolve o procedemento de concesión da subvención ,é definitiva na vía administrativa, será motivada debendo quedar acreditados no procedemento os fundamentos e deberá conter o/a solicitante ou a relación de solicitantes os/as que se concede a subvención, constando de forma expresa a desestimación do resto de solicitudes.

O acordo da Alcaldía/Xunta de Goberno Local resolvendo o procedemento notificarase os/as interesados/as no lugar por eles indicado para este fin.

C) Publicidade das subvencións concedidas.

Realizarase de conformidade co disposto no artigo 18.3 d) da Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións, polo que non se dará publicidade das subvencións individuais que se concedan ao abeiro das presentes bases.

D) Prazo para resolver e efectos do silencio.

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder máis de tres meses dende a data de presentación da solicitude no Rexistro de Entrada do Concello, ou a través de calesqueira outras formas de presentación previstas no artigo 38.4 da Lei de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común.

O transcurso do prazo máximo sen que se notifique a resolución do procedemento os/as interesados/as, lexitima a estos/as a entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da subvención.

Nos casos que se consideren de urxente necesidade (alimentación e vivenda), para acelerar a xestión das axudas, resolveranse por decreto de alcaldía sen a convocatoria do órgano colexiado para proceder, así, de forma automática ao seu pagamento

Será prioritaria a resolución favorábel das axudas destinadas á cobertura das necesidades básicas, entendidas como tales as que van destinadas a cubrir gastos derivados de alimentación, vivenda e outros de acordo cos criterios técnicos do equipo de servizos sociais.

Para tal fin se utilizarán os criterios de prioridade que a continuación se sinalan, podendo quedar pendentes ou en lista de espera aquelas outras subvencións que non sexan consideradas urxentes ou prioritarias.

Os criterios de prioridade a valorar para a concesión das subvencións, sen prioridade na orde, son os seguintes:

-Carencia total de recursos económicos na unidade familiar ou que estes sexan insuficientes para a cobertura das necesidades primarias.

-Situación de desemprego na unidade familiar.

-Familias con ingresos irregulares e/ou insuficientes.

-Familias monoparentais.

-Maior número de fillos/as.

-Mulleres víctimas de violencia de xénero sen protección económica, ou que esta sexa moi limitada.

-Situación de desprotección social.

-Casos urxentes, infortunios familiares e situacións de alarma social.

-Outros a valorar.

A concesión das axudas estará sempre supeditada á existencia de consignación orzamentaria, por tanto poderanse desestimar por este motivo as peticións que cumpran inicialmente todos os requisitos pero que non se consideren prioritarias.

E) Composición do órgano colexiado.

Oórgano esta composto polos concelleiros-delegados das áreas de Sanidade, servicios sociais, traballo e terceira idade e maila traballadora social municipal.

X) PAGAMENTO DAS SUBVENCIÓNS:

O pagamento das subvencións realizarase na conta bancaria indicada polo/as beneficiarios/as no momento da solicitude.

O pago das subvencións abonarase na conta bancaria do/a beneficiario/a unha vez aporte, no prazo máximo de 2 meses dende que recibe a notificación de concesión, as facturas xustificativas por importe igual ou superior, segundo corresponda, á contía concedida ou ao orzamento subvencionado.

XI) XUSTIFICACIÓN DAS SUBVENCIÓNS.

Forma de xustificación.

O/A beneficiario/a presentará a conta xustificativa da subvención no modelo de impreso recollido no Anexo II que deberá acompañar cos xustificantes correspondentes.

Todos os documentos acreditativos dos gastos da actividade subvencionada deberán corresponder ao ano natural en curso.

Os gastos xustificaranse con facturas conforme o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación aprobado no RD 1496/2003, de 28 de novembro.

Neste caso concreto, existen subvencións que son outorgadas en atención a concorrencia dunha determinada situación de necesidade no/a perceptor/a, e non requirirán outra xustificación que a acreditación por calquera medio admitido en dereito de dita situación previamente a concesión.

XII) CAUSAS DE REINTEGRO.

Procederase ao reintegro das cantidades percibidas en concepto de subvención xunto cos intereses de demora dende o momento do pago, nos supostos de invalidez da concesión da subvención previstos no artigo 36 da Lei de Subvencións e nos seguintes:

-Incumprimento da obriga no prazo establecido

-Obtención da subvención sen reunir os requisitos establecidos.

-Incumprimento da finalidade para a que a subvención foi outorgada.

-Negativa por parte do/a beneficiario/a ás actuacións de control establecidas por parte do Concello para comprobar o cumprimento da finalidade da subvención.

As cantidades a percibir polos reintegros terán a categoría de ingresos de dereito público, resultando de aplicación tanto os intereses de demora como o procedemento de cobro pola vía de apremio, con independencia das responsabilidades que tiveran lugar.

Cando o importe xustificado polo/a interesado/a, con motivo da rendición da conta xustificativa de gastos, sexa inferior á cantidade concedida, o Concello poderá minorar o importe da subvención esixindo, no seu caso, o reintegro das cantidades indebidamente percibidas.

XIII) MODALIDADES DE SUBVENCIÓNS:

A) Subvencións destinadas á prevención, inserción e apoio ás familias.

1.-Finalidade das subvencións:

A finalidade é a concesión de axudas económicas a aquelas persoas e/ou familias en situación económica e/ou social desfavorábel e que se destinarán á cobertura das necesidades básicas e/ou de urxente necesidade.

2.-Tipoloxía das axudas e contías máximas subvencionábels:

A táboa de máximos subvencionabeis corresponde á contía máxima sobre a que se aplicará a porcentaxe de subvención correspondente para cada solicitude segundo os ingresos dos que dispoña e atendendo ás táboas de ingresos máximos.

No caso en que a subvención solicitada sexa de contía inferior á recollida nesta táboa, aplicarase a porcentaxe de subvención sobre a contía do presuposto aportado.

En cada solicitude so poderán ser subvencionados 2 conceptos dos sinalados a continuación:

Tipoloxía das axudas

Máxima contía a subvencionar

Necesidades primarias: alimentación e outras básicas

600 . Limite por persoa 150

Mobiliario, electrodomésticos de 1ª necesidade e equipamento básico para a vivenda

300

Habitabilidade da vivenda: pequeñas reparacións domésticas

600

Pago de alugueiros e outros gastos da vivenda: ata un máximo de 3 mensualidades

500

Outras non recollidas na presente tipoloxía, a xustificar

300

3.-Requisitos de acceso específicos a esta modalidade de subvención:

A maiores do cumprimento do apartado V) das presentes bases reguladoras que trata sobre as condicións xerais de acceso a este programa municipal, para solicitar esta modalidade de subvención, os/as solicitantes deberán cumprimentar os seguintes requisitos:

a) Non dispoñer de mais dun vehículo (coche) na unidade familiar calquera que sexa o seu titular.

b) Que exista a necesidade obxectiva e real do solicitado, xustificada documentalmente.

c) Que o/a cabeza de familia en situación de desemprego sexa dado/a de alta no Inem como demandante de emprego.

d) Que se cumpran todos os requisitos económicos recollidos no apartado seguinte.

4.-Requisitos económicos a cumprir para acceso a esta modalidade de subvención:

a) Táboa de ingresos máximos:

A contía das subvencións establecerase en función do cómputo dos ingresos de cada un dos membros da unidade familiar de convivencia, do número de membros da mesma e da tipoloxía das axudas solicitadas.

Limite de ingresos económicos familiares

Tramos de ingresos

Porcentaxe da subvención en función da contía máxima a subvencionar

90% do S.M.I vixente

Inferior ou igual ao 50% do SMI

100%

Maior do 50 e até ao 60% do SMI

85%

Maior do 60 e até ao 70% do SMI

75%

Maior do 70 e até ao 80% do SMI

65%

Maior do 80 e até ao 90% do SMI

50%

110% do SMI vixente

Inferior ou igual ao 70% do SMI

100%

Maior do 70 e até ao 80% do SMI

85%

Maior do 80 e até ao 90% do SMI

75%

Maior do 90 e até ao 100% do SMI

65%

Maior do 100 e até ao 110% do SMI

50%

Até ao 130% do SMI vixente

Inferior ou igual ao 90% do SMI

100%

Maior do 90 e até ao 100% do SMI

85%

Maior do 100 e até ao 110% do SMI

75%

Maior do 110 e até ao 120% do SMI

65%

Maior do 120 e até ao 130% do SMI

50%

b) Ingresos familiares:

Valorarase o conxunto de ingresos percibidos por cada unha das persoas que constitúen a unidade familiar de convivencia, teñan ou non relación de parentesco entre si, e procedentes de retribucións, pensións, subsidios, prestacións, salarios ou rendas regulares e/ou irregulares de calquera natureza.

Terase en conta os ingresos líquidos, logo dos descontos correspondentes ao IRPF e seguridade social.

Para obter a contía dos ingresos anuais sumarase o conxunto de ingresos líquidos obtidos nos 6 últimos meses anteriores á data da solicitude multiplicandoos por 2 para obter o conxunto dos ingresos anuais. Desta contía descontarase os gastos derivados do pago do alugueiro e/ou amortización da vivenda, segundo corresponda. A contía resultante, dividirase entre 14 para obter os ingresos mensuais.

Todas aquelas familias que, superando a contía establecida, aleguen especiais dificultades derivadas de situación de enfermidade, de ser familia numerosa ou terse producido un parto múltiple no derradeiro ano, de gastos extraordinarios por diversos motivos, de producirse infortunios familiares, etc., teranse en consideración estas circunstancias, podendo ser concedida un subvención con carácter extraordinario na contía que se determine.

c) Capital mobiliario:

Entenderanse medios económicos suficientes no que respecta aos recursos procedentes do capital mobiliario e para a valoración da concesión das presentes axudas, os que superen os 3.000 euros en contas de aforros e/ou investimentos de toda a unidade familiar (tomarase o saldo medio do 2011 recollido na certificación bancaria a 31/12/2011).

Todas aquelas familias que superen este saldo bancario, aínda que reúnan o resto dos requisitos, non poderán beneficiarse destas axudas, agás casos de especial gravidade que se valorarán.

B) Axudas económicas destinadas o pago de Taxas Municipais (auga, saneamento e lixo).

1.-Definición e finalidade das subvencións:

Estas subvencións van destinadas a cubrir os gastos dos recibos de todo o ano de auga, saneamento e lixo para persoas e/ou familias en situación de desemprego ou pensionistas mínimos que, polas súas condicións socioeconómicas, se vexa necesaria a concesión desta subvención apoiando así a aquelas persoas e/ou familias en situación económica máis desfavorecida.

2.-Tipoloxía, contía e forma de pago das subvencións:

Existenas seguintes tipoloxías de subvencións:

Tipoloxía da Axuda

Máxima contía a subvencionar

Subvención para o pago da auga e saneamento

120

Subvención para o pago do lixo (recollida 1 día)

41

Subvención para o pago do lixo (recollida 2 días)

81

Subvención para o pago do lixo (recollida 3 ou mais días)

122

3.-Requisitos de acceso específicos a esta modalidade de subvención:

A maiores do cumprimento do apartado V) das presentes bases reguladoras que trata sobre as condicións xerais de acceso a este programa municipal, para solicitar esta modalidade de subvención, os/as solicitantes deberán cumprimentar os seguintes requisitos:

a) Estar en situación de desemprego no intres da solicitude ou ser pensionista por calquera modalidade, ou ben alegar situación de carencia de recursos económicos.

b) Ser titular dos recibos de impostos municipais obxecto da subvención (auga, saneamento e recollida de lixo) ou, no caso de persoas en situación de aluguer, presentar os correspondentes recibos actualizados no pago a nome do/a dono/a da vivenda e xustificar debidamente a residencia no domicilio para o que se solicita a subvención.

c) Non dispor na unidade familiar de vehículo, calquera que sexa o seu titular.

d) A solicitude, debidamente cumprimentada, deberá acompañarse de fotocopias compulsadas dos recibos pagados.

e) Que se cumpran todos os requisitos económicos recollidos no apartado seguinte.

4.) Requisitos económicos para acceso a esta modalidade de subvención:

a) Táboa de ingresos máximos:

Número membros unidade de convivencia

Limite de ingresos económicos familiares

1 persoa

Pensión mínima de xubilación da seguridade social para maiores de 65 anos e sen cónxuxe a cargo

2 persoas

Pensión mínima de xubilación da seguridade social para maiores de 65 anos e con cónxuxe a cargo

3 ou mais persoas

110% do Salario Mínimo Interprofesional

b) Ingresos familiares:

Valorarase o conxunto de ingresos percibidos por cada unha das persoas que constitúen a unidade familiar de convivencia, teñan ou non relación de parentesco entre si, e procedentes de retribucións, pensións, subsidios, prestacións, salarios ou rendas regulares e/ou irregulares de calquera natureza.

Terase en conta os ingresos líquidos, logo dos descontos correspondentes ao IRPF e seguridade social.

Para obter a contía dos ingresos anuais sumarase o conxunto de ingresos líquidos obtidos nos 6 últimos meses anteriores á data da solicitude multiplicandoos por 2 para obter o conxunto dos ingresos anuais. Desta contía descontarase os gastos derivados do pago do alugueiro e/ou amortización da vivenda, segundo corresponda. A contía resultante dividirase entre 14 para obter os ingresos mensuais.

c) Capital mobiliario:

Entenderanse medios económicos suficientes no que respecta aos recursos procedentes do capital mobiliario e para a valoración da concesión das presentes axudas, os que superen os 1.500 euros en contas de aforros e/ou investimentos de toda a unidade familiar (tomarase o saldo medio do 2011 recollido na certificación bancaria a 31/12/2011).

Todas aquelas familias que superen este saldo bancario, aínda que reúnan o resto dos requisitos, non poderán beneficiarse destas axudas, agás casos de especial gravidade que se valorarán.

XIV) VIXENCIA DAS BASES

Estas bases terán caracter indefinido ata a súa modificación expresa entrando en vigor o día seguinte da publicación no Boletín Oficial da Provincia.

XV) APLICACIÓN SUPLETORIA

Para o non previsto nestas bases estarase ao establecido na Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións (BOE núm. 276 de 18.11.2006), lei 30/92, de 26 de novembro, de Réxime Xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e ás bases de execución do orzamento.

ANEXOS

1.- Formulario de solicitude, declaración xurada de ingresos irregulares, declaración xurada de non haber percibido outra axuda polo mesmo concepto e declaración responsable de non estar incurso/a nas prohibicións para obter a condición de beneficiario/a sinaladas no art. 13 da lei xeral de subvencións.

2.- Formulario para a conta xustificativa da subvención concedida.

Neda, 26 de xaneiro de 2012.

O Alcalde-Presidente,

Asdo: José Ignacio Cabezón Lorenzo.

2012/1024