Anuncio de creación de ficheiros que conteñen datos de carácter persoal, aprobada en xunta de goberno local de 30 de xaneiro de 2012

Ficha de esta disposición

Título:
Anuncio de creación de ficheiros que conteñen datos de carácter persoal, aprobada en xunta de goberno local de 30 de xaneiro de 2012
Nº de Disposición:
Boletín Oficial:
BOP-CORUNA 29
Fecha Publicación:
10/02/2012
Órgano Emisor:
CARBALLO
De conformidade co previsto no artigo 20 da Lei orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (LOPD), así como no artigo 53 do Regulamento de desenvolvemento da LOPD aprobado polo Real Decreto 1720/2007 do 21 de decembro, establécese que a creación, modificación ou supresión dos ficheiros de datos de carácter persoal das administracións públicas só poderán facerse por medio de disposición xeral publicada no Boletín Oficial do Estado ou Diario Oficial correspondente.

Á vista do anterior, dos informes de 17/1/2012 da Axente de Emprego e Desenvolvemento Local e do Responsable de Seguridade e Administrador do Sistema informático Municipal a efectos da LOPD, e da proposta do concelleiro de xestión municipal, 4/2012 G-EMPREGO, do 18/01/2012, a Xunta de Goberno Local, por unanimidade dos seus membros (7), ACORDA:

Primeiro.- Aprobar a creación do ficheiro "Participantes en accións de promoción de emprego" que se relaciona no Anexo do presente e que se regula polas seguintes disposicións:

Artigo 1.- De conformidade co artigo 20.2 da Lei orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de proteccion de datos de carácter persoal (LOPD), as finalidades das bases de datos e ficheiros automatizados e os usos previstos para estas; as persoas ou colectivos sobre os que se pretende obter datos de carácter persoal ou que resulten obrigados a fornecelos; os procedementos de recollida destes; as estruturas básicas das bases de datos e ficheiros; as cesións de datos previstas; os responsables dos ficheiros automatizados e os órganos ante os que se poderán exercer os dereitos de acceso, rectificación e cancelación serán, en concreto e para cada un dos ficheiros automatizados, os que se indican no anexo do presente acordo.

Artigo 2.- Sen prexuízo das cesións de datos que en relación co ficheiro automatizado se prevén no anexo do presente, os datos incluídos nestes poderán ser cedidos, dentro do ámbito establecido no artigo 21 da LOPD polo que se regula a cesión de datos entre administracións públicas

De igual forma, os datos incluídos no ficheiro poderán ser cedidos, con carácter xeral, cando así fose esixido por disposición legal, ou, no seu caso, por resolución xudicial ou administrativa.

Artigo 3.- O responsable do ficheiro que consta no anexo adoptará as medidas necesarias para asegurar que dito ficheiro se usa para as finalidades para as que foi creado, que son as que se concretan no anexo do presente acordo.

Artigo 4.- As afectadas ou afectados, respecto das/os cales se solicitan datos de carácter persoal, serán previamente informadas/os de modo expreso, nos termos previstos no artigo 5 da LOPD, salvo nos casos exceptuados na Lei.

Artigo 5.- O ficheiro regulado no presente acordo axustarase, en todo caso, ás medidas de seguridade establecidas no Real Decreto 994/1999, de 11 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de medidas de seguridade dos ficheiros automatizados que conteñan datos de carácter persoal.

Segundo.- Publicar o presente acordo sobre creación de base de datos e ficheiros automatizados que conteñen datos de carácter persoal existentes no Concello de Carballo, de conformidade, nos termos e para os efectos sinalados polo artigo 20 da Lei orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Terceiro.- Solicitar da Axencia de Protección de Datos, unha vez efectuada a publicación á que se refire o apartado anterior, que proceda á inscrición do ficheiro no Rexistro de Protección de Datos.

ANEXO.- Descrición.

NOME DO FICHEIRO: "Participantes en accións de promoción de emprego"

a) Finalidade e usos previstos do ficheiro:

Xestionar os datos das persoas asesoradas ou participantes en actividades de formación e apoio a emprendedores, empresarios e persoas en busca de emprego.

b) Persoas ou colectivos sobre os que se pretende obter datos de carácter persoal ou que resulten obrigados a subministralos:

Emprendedores, empresarios, persoas en busca de emprego, ou que queiran participantes en actividades de formación.

c) Procedemento de recollida de datos:

Os datos obteranse por medio de comunicación oral, escrita ou telemática, recolléndose nos distintos formularios cumprimentados polo/a persoa asesorada ou participante en actividades, tanto en soporte papel coma informático ou electrónico.

d) Estrutura básica do ficheiro e tipo de datos:

Datos identificativos (nome, apelidos, DNI/NIE, enderezo, teléfono, fax e email); datos do proxecto de creación de empresa (Nome do proxecto, tipo, descrición, estado, data de inicio e fin).

e) Cesións de datos de carácter persoal e transferencias de datos a países terceiros:

Os datos de carácter persoal contidos neste ficheiro serán cedidos á Consellería de Traballo e Benestar e ao Centro Europeo de Empresas e Innovación de Galicia, S.A. (C.E.E.I. Galicia S.A., BIC Galicia). Así mesmo, poderán transferirse a outras administracións publicas cando sexa óbice para as materias da súa competencia.

Non se prevé a cesión de ditos datos a países terceiros.

En todo caso, a cesión de datos que contén este ficheiro sen necesidade de consentimento por parte da persoa afectada, só se realizará a favor doutras administracións públicas competentes na materia e ó abeiro do disposto na Lei Orgánica 15/1999, de protección de datos de carácter persoal e no Real decreto 1720/2007, que aproba o Regulamento de desenvolvemento de dita lei.

f) Órgano responsable do ficheiro:

A persoa responsable do ficheiro será a Axente de Promoción Económica, que se encargará tamén do seu mantemento, conservación e actualización.

g) Dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición:

Os axentes de promoción económica, serán perante quen se poderán executar os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición destes datos.

h) Sistema de tratamento: mixto.

i) Nivel de protección:

As medidas de seguridade para este ficheiro son de carácter básico.

En Carballo a 6 de febreiro de 2012

O Alcalde

Evencio Ferrero Rodríguez

2012/1492