Non presentándose ningunha reclamación contra o Regulamento da creación de ficheiros de datos de carácter persoal, do Concello de Boqueixón, aprobado no Pleno Extraordinario que tivo lugar o día 14 de decembro de 2011, queda definitivamente aprobado polo que procede a súa publicación íntegra:
REGULAMENTO DA CREACIÓN DE FICHEIROS DE DATOS DE CARÁCTER PERSOAL,DO CONCELLO DE BOQUEIXÓN.
"A Constitución Española, no seu artigo 18, recoñece coma un dereito fundamental o dereito ao honor, á intimidade persoal e á propia imaxe e establece que "a lei limitará o uso da informática para garantir o honor e a intimidade persoal e familiar dos cidadáns e o pleno exercicio dos seus dereitos".
Neste senso, a Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, ten por obxecto garantir e protexer no relativo aos datos persoais, liberdades públicas e dereitos fundamentais das persoas físicas e, especialmente do seu honor e intimidade persoal e familiar. No artigo 20 de dita lei disponse que a creación, modificación ou supresión dos ficheiros das administracións públicas só poderá facerse por medio de disposición xeral publicada no Boletín Oficial do Estado ou diario oficial correspondente. Así mesmo, a disposición adicional primeira da devandita Lei ordénalles ás administracións públicas responsables de ficheiros automatizados adecuarse á citada lei orgánica, debendo aprobar a pertinente disposición de regulamento do ficheiro ou adaptar a existente.
Ademais, os artigos 52 ao 54 do Real Decreto 1720/2007, do 21 de decembro, polo que se aproba o regulamento de desenvolvemento da Lei orgánica 15/1999, regulan a creación, modificación ou supresión de ficheiros de titularidade pública.
Por outra banda, a Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local e a Lei 57/2003 de 16 de decembro, de medidas para a modernización do goberno local, atribúenlle ao Pleno a elaboración de ordenanzas e regulamentos.
Artigo 1.-Obxecto e ámbito.
1. O presente regulamento ten por obxecto a creación e regulación dos ficheiros de datos de carácter persoal, automatizados e non automatizados, dependentes do Concello Boqueixón, e que se relacionan no anexo I da presente ordenanza.
2. A regulación dos ficheiros de datos de carácter persoal determina a finalidade de ditos ficheiros, as persoas ou colectivos sobre os que se obteñen os datos, o procedemento de recollida de datos, a estrutura básica do ficheiro e a descrición dos tipos de datos de carácter persoal incluídos, a cesión dos datos, ao órgano responsable dos ficheiros, os servizos ou unidades ante os que se pode exercitar o dereito de acceso, rectificación, cancelación e oposición, e o nivel de medidas de seguridade correspondentes a cada un destes ficheiros, en aplicación da L.O. 15/1999, e da súa normativa de desenvolvemento.
Artigo 2.-Creación e regulación de ficheiros de datos de carácter persoal.
1. Créanse os ficheiros de datos de carácter persoal do Concello de Boqueixón que figuran como anexo I co contido recollido no artigo 20 da Lei orgánica de protección de datos de carácter persoal e no artigo 54.1 do Real decreto 1720/2007.
2. Os ficheiros de datos de carácter persoal do Concello de Boqueixón rexeranse polas disposicións que se detallan para cada un deles e estarán sometidos, en todo caso, ás normas legais e regulamentarias de superior rango que lles sexan aplicables.
Artigo 3.-Finalidade e uso dos ficheiros.
Os datos de carácter persoal rexistrados nos ficheiros que se indican e dos que o Concello de Boqueixón é o responsable, só poderán utilizarse para os fins expresamente previstos e por persoal debidamente autorizado.
Artigo 4.-Responsabilidade dos ficheiros.
1. A titularidade e responsabilidade dos ficheiros de datos de carácter persoal do Concello de Boqueixón corresponde ao propio Concello, representado pola persoa que exerza o posto de alcalde.
2. Por outra banda, consideraranse encargados do ficheiro as persoas que leven a cabo, por conta da persoa responsable, o tratamento dos datos recollidos nos mesmos, segundo o establecido no anexo I particularmente para cada ficheiro.
Artigo 5.-Cesión de datos.
Aplicarase ao respecto o réxime establecido no artigo 21 da Lei 15/1999 e o especificado para cada ficheiro.
Artigo 6.-Medidas de seguridade.
1. O Concello de Boqueixón implantará as medidas organizativas e técnicas precisas para asegurar a confidencialidade de datos. Con este obxectivo, adoptará as medidas de seguridade que se establecen no Real decreto 1720/2007, de 21 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento da Lei orgánica 15/1999, de protección de datos de carácter persoal.
2. Así mesmo, o Concello de Boqueixón velará porque os ficheiros se utilicen para as finalidades que motivaron a súa creación e polo persoal debidamente autorizado. Do mesmo xeito, velarase, con carácter xeral, polo respecto dos principios de protección de datos e só poderán ser obxecto de tratamento os datos que sexan adecuados, pertinentes e non excesivos en relación coas finalidades determinadas, explícitas e lexítimas para os que se obtiveron.
Artigo 7.-Dereito de información na recollida de datos.
As persoas ás que se lles soliciten datos persoais serán informadas previamente de modo expreso, preciso e inequívoco, nos termos que dispón o artigo 5 da Lei orgánica 15/1999 do 13 de decembro, sen prexuízo dos supostos exceptuados na lei.
Artigo 8.-Dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición.
O órgano ante o que se poden exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación ou oposición con relación a calquera dos ficheiros municipais de datos de carácter persoal establecerase particularmente para cada ficheiro, sendo por defecto ante a Alcaldía.
Disposición final.
O presente regulamento entrará en vigor tras a súa aprobación definitiva, unha vez publicado integramente no Boletín Oficial da Provincia e así que transcorra o prazo previsto nos artigos 65.2 e 70.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación.
ANEXO I DO REGULAMENTO DA CREACIÓN DE FICHEIROS DE DATOS DE CARÁCTER PERSOAL DO CONCELLO DE BOQUEIXÓN.
ANEXO I. FICHEIRO A
NOME DO FICHEIRO: "Axentes de promoción económica"
a) Finalidade e usos previstos do ficheiro:
Xestionar os datos dos axentes de promoción económica que prestan servizo no Concello de Boqueixón, co fin de poder ser identificables polos usuarios aos que dirixen as súas accións.
b) Persoas ou colectivos sobre os que se pretende obter datos de carácter persoal ou que resulten obrigados a subministralos:
Axentes de emprego contratados polo Concello.
c) Procedemento de recollida de datos:
Os datos obteranse por medio de comunicación oral, escrita ou telemática, recolléndose nos distintos formularios cumprimentados polo/a traballador/a, tanto en soporte papel coma informático ou electrónico.
d) Estrutura básica do ficheiro e tipo de datos:
Datos identificativos (nome, apelidos, DNI/NIE, enderezo, teléfono, e - mail).
e) Cesións de datos de carácter persoal e transferencias de datos a países terceiros:
Os datos de carácter persoal contidos neste ficheiro serán cedidos á Consellería de Traballo e Benestar, ao C.E.E.I. Galicia S.A. (BIC Galicia). Así mesmo, poderán transferirse a outras administracións publicas cando sexa óbice para as materias da súa competencia.
Non se prevé a cesión de ditos datos a países terceiros.
En todo caso, a cesión de datos que contén este ficheiro sen necesidade de consentimento por parte da persoa afectada, só se realizará a favor doutras administracións públicas competentes na materia e ó abeiro do disposto na Lei Orgánica 15/1999, de protección de datos de carácter persoal e no Real decreto 1720/2007, que aproba o Regulamento de desenvolvemento de dita lei.
f) Órgano responsable do ficheiro:
A persoa que exerza o posto de Alcaldía do Concello de Boqueixón, como responsable superior de todo o persoal e impulsor de todos os servizos administrativos; dito ficheiro manterase, conservarase e actualizarase polos axentes de promoción económica.
g) Dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición:
Os axentes de promoción económica, serán perante quen se poderán executar os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición destes datos.
h) Sistema de tratamento: mixto.
i) Nivel de protección:
As medidas de seguridade para este ficheiro son de carácter básico.
ANEXO I. FICHEIRO B
NOME DO FICHEIRO: "Participantes en accións de promoción do emprego"
a) Finalidade e usos previstos do ficheiro:
Xestionar os datos das persoas asesoradas ou participantes en actividades de formación e apoio a emprendedores, empresarios e persoas en busca de emprego.
b) Persoas ou colectivos sobre os que se pretende obter datos de carácter persoal ou que resulten obrigados a subministralos:
Emprendedores, empresarios, persoas en busca de emprego, ou que queiran participantes en actividades de formación.
c) Procedemento de recollida de datos:
Os datos obteranse por medio de comunicación oral, escrita ou telemática, recolléndose nos distintos formularios cumprimentados polo/a persoa asesorada ou participante en actividades, tanto en soporte papel coma informático ou electrónico.
d) Estrutura básica do ficheiro e tipo de datos:
Datos identificativos (nome, apelidos, DNI/NIE, enderezo, teléfono, fax e. e - mail); datos do proxecto de creación de empresa (Nome do proxecto, tipo, descrición, estado, data de inicio e fin).
e) Cesións de datos de carácter persoal e transferencias de datos a países terceiros:
Os datos de carácter persoal contidos neste ficheiro serán cedidos á Consellería de Traballo e Benestar, a C.E.E.I. Galicia S.A. (BIC Galicia). Así mesmo, poderán transferirse a outras administracións públicas cando sexa óbice para as materias da súa competencia.
Non se prevé a cesión de ditos datos a países terceiros.
En todo caso, a cesión de datos que contén este ficheiro sen necesidade de consentimento por parte da persoa afectada, só se realizará a favor doutras administracións públicas competentes na materia e ao abeiro do disposto na Lei Orgánica 15/1999, de protección de datos de carácter persoal e no Real decreto 1720/2007, que aproba o Regulamento de desenvolvemento de dita lei.
f) Órgano responsable do ficheiro:
A persoa que exerza o posto de Alcaldía do Concello de Boqueixón, como responsable superior de todo o persoal e impulsor de todos os servizos administrativos; dito ficheiro manterase, conservarase e actualizarase polos axentes de promoción económica.
g) Dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición:
Os axentes de promoción económica, serán perante quen se poderán executar os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición destes datos.
h) Sistema de tratamento: mixto.
i) Nivel de protección:
As medidasde seguridade para este ficheiro son de carácter básico."
Boqueixón, 6 de febreiro de 2012
O alcalde
Adolfo Gacio Vazquez.
2012/1443
